Friday 20 de September de 2024

Case 3.00 alumnos galegos coñeceron o funcionamento de Meteogalicia en 2014


Estas actividades adáptanse e adecúanse ao nivel e intereses do auditorio, de modo que se profunda máis ou menos segundo o devandito nivel

Un total de 2.982 alumnos galegos visitaron as instalacións de Meteogalicia en Santiago de Compostela, onde coñeceron o funcionamento deste departamento da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Con este tipo de iniciativas formativas, a Xunta quere achegar á sociedade a meteoroloxía.

Meteogalicia recibe alumnos de colexios e institutos dende o seu comezo, hai 15 anos, xa que sempre se considerou unha parte fundamental da meteoroloxía dar a coñecer cómo se fan as predicións e medicións do medio atmosférico.

Estas actividades adáptanse e adecúanse ao nivel e intereses do auditorio, de modo que se profunda máis ou menos segundo o devandito nivel. No caso de alumnos de Bacharelato, ademais, insistirase na descrición das situacións sinópticas e o seu recoñecemento. Para alumnos de Universidade ou outro tipo de grupos explicarase tamén o funcionamento dos modelos meteorolóxicos, a interpretación dos seus resultados e o uso da páxina web de Meteogalicia na que se poderá atopar toda a información que se precisa para realizar a predición. Tamén se deteñen, si é de interese, nun aspecto fundamental da meteoroloxía como é a detección e seguimento de fenómenos meteorolóxicos adversos e fan especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.

Estas actividades divulgativas están enfocadas tanto a estudantes de centros de ensinanza, como ás asociacións culturais. Para elo, ademais de incluír visitas ás instalacións de Meteogalicia en San Lázaro, tamén se explican os pasos esenciais que se deben dar para realizar as predicións meteorolóxicas. Na seguinte táboa indícanse por día os centros que participarán nesta actividade formativa.

Cando os visitantes chegan ás instalacións de Meteogalicia amósaselles a sala de predición, onde se explican as ferramentas que usan os técnicos para levar a cabo o seu traballo, así como unha explicación básica do proceso de predición meteorolóxica. Faise un especial fincapé nas fontes de incerteza que existen no traballo de toma de datos e na posterior predición.
Tamén se fai unha breve presentación, que representa unha toma de contacto coa meteoroloxía e á climatoloxía, que no caso de alumnos de Primaria e Secundaria serve para repasar os conceptos de diferenza entre tempo e clima, ciclo hidrolóxico, borrascas e anticiclóns, frontes, furacáns, tornados e imaxes de satélite, entre outros.

Para rematar, invítase ao alumnado a visitar unha mostra de aparellos meteorolóxicos, na que se explican os distintos sensores e a súa utilidade así como se dan algunhas pinceladas sobre o traballo de observación meteorolóxica e mantemento da rede de estacións meteorolóxicas deste organismo autonómico.

Para máis información sobre o contido das conferencias que se imparten en Meteogalicia hai que consultar o seguinte enlace:
http://www.meteogalicia.es/datosred/infoweb/meteo/docs/meteoescolas/infoConferencias_gl.pdf.

Primeiras visitas en 2015
Nas dúas primeiras semanas de xaneiro, retómanse este tipo de actividades, xa que comeza de novo a actividade escolar. Así, ata o vindeiro 15 de xaneiro pasarán máis de 180 alumnos de varios centros galegos. Na seguinte táboa resúmense as actividades que se celebrarán:

Día Hora Centro Curso Concello
12/01/15 10:30 IES Pedras Rubias 62 alumnos de 1º da ESO Salceda de Caselas
13/01/15 10:00 IES Luís Seoane 35 alumnos de 2º de BAC Pontevedra
13/01/15 10:30 IES Luís Seoane 35 alumnos de 2º de BAC Pontevedra
15/01/15 16:30 IES Leliadoura 50 alumnos de 2º da ESO Ribeira